LIXO ZERO. A compra da semana


Non sempre é sinxelo atopar lugares onde facer a compra sen plástico, semella que o sistema estivera feito para que obrigatoriamente, teñamos que pagar por el (porque non nos enganemos, o plástico das bolsas e embalaxes non é de balde, pagámolo nós como parte do produto). 

Dende o meu punto de vista, son os gobernos quen debería regular a produción e usos do plástico dun só uso: eles teñen o poder de crear un cambio xigante e real e impulsar ás empresas a actuar dun xeito responsable para con nós e o medio que nos rodea. A solución pasaría entón, por esixir ditos cambios. 

Mais isto non é incompatible co consumo responsable. Como consumidores temos un poder enorme: o noso consumo é unha arma, unha arma e unha ferramenta. Diría incluso que é unha especie de activismo. Para quen a autosuficiencia alimentaria (producir nós mesmos os nosos alimentos) non é unha posibilidade tanxible a curto prazo, intentar xerar o mínimo impacto posible, e apoiar iniciativas que están a facelo distinto, é unha solución factible (sempre dentro das nosas posibilidades e sen culpabilizarse). 


Aquí tedes a miña compriña:



A meirande parte dos produtos son dunha tenda pequena da miña cidade, o Mercado da Terra  (Ferrol) e algunhas outras son dun supermercado.

Cito algúns dos produtos que máis me gustan desta compra:


  • Deterxente líquido a granel de Xabones Beltrán . Para mercalo levo un bote de vidro e énchoo dende unha garrafa. Para usalo na lavadora, ao principio medía dúas culleiradas, mais agora xa sei canto botar a ollo directamente dende o bote de vidro. Deixa un perfume agradable e suave a lavanda na roupa, e non se precisa usar suavizante
  • Limpiafogar a granel tamén de Xabones Beltrán. O olor é forte pero agrable e utilízoo para limpar o baño, os cristais, outras superficies e máis para fregar o chan mesturado con auga. Mércoo e gárdoo no frasco de vidro, mais tamén o boto dentro dun boteciño de spray reutilizado, para que me sexa máis cómodo para limpar superficies

  • Patacas ecolóxicas "Horta da Terra". Veñen nun saco de papel, sen plástico (a parte aberta ten unha especie de rede feita como de fío). Por mor da Tecia solanívora (unha plaga da pataca que veu de Centroámerica) non se poden vender a granel. É a mellor opción que atopei. 
  • Parafusos (macarróns) de trigo integral ecolóxico de Bubela Artesá. Cócense máis rápido que a pasta normal, son de produción galega e véndenos a granel. Que máis se pode pedir?





E ti, que mercas?



P.D. Ningún produtor/tenda me paga por esta publicación, cítoos porque quero

Comentarios